mércores, 20 de novembro de 2024

Construíndo tetraedros de Sierpinski

Continuando cos fractais, na sesión de onte do Club de ciencia, o noso alumnado estivo recortando e decorando tetraedros de Sierpinski. Comezamos así un proxecto que ten como obxectivo construír unha árbore de Nadal de 256 tetraedros. Mostrarémosvos o resultado cando estea rematada. De momento, tedes fotos do proceso neste enlace.

martes, 12 de novembro de 2024

Reciclaxe de porexpan

No Club de ciencia comezamos a liña de traballo sobre a economía circular, aprendendo a reciclar porexpan ou poliestireno expandido, un material plástico que causa un gran impacto ambiental nos ecosistemas, pois tarda 500 anos ou máis en degradarse. Mediante a súa reciclaxe, imos fabricar chaveiros e colgantes. Mostrarémosvos os resultados cando remate de secar e poidamos desmoldar. Tedes aquí fotos e un vídeo sobre o proceso de reciclaxe.

luns, 11 de novembro de 2024

Xosé Rodríguez González, "Matemático Rodríguez"

Este 2024, a Real Academia Galega decidiu homenaxear a figura de José Rodríguez González no Día da Ciencia en Galicia. A nosa profesora do Club de Ciencia, María José Vergara, elaborou esta estupenda presentación sobre el, que temos exposta no primeiro andar do instituto e que vos deixamos aquí para que poidades desfrutar dela. 

venres, 8 de novembro de 2024

Recreo científico polo alumnado de 2° Bac do Club de ciencia

Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en galego, hoxe no primeiro recreo, o alumnado de 2° de Bacharelato do Club de Ciencia levou a cabo un obradoiro sobre pH, explicando o cambio de cor de distintas substancias ás que se lles engadiu extracto de col lombarda, así como revelando unha mensaxe secreta mediante a utilización de cúrcuma diluída en alcohol.

Podedes ver o experimento neste vídeo.

mércores, 6 de novembro de 2024

Recreo científico o venres 8 de novembro

Novembro é o mes da Ciencia en galego e para celebralo, o alumnado de 2º de Bacharelato do Club de ciencia fará un recreo científico este venres día 8 durante o primeio recreo. Será ao final do corredor do primeiro andar. Non volo perdades!



martes, 5 de novembro de 2024

Aprendemos sobre fractais

Hoxe, tras visualizar un vídeo sobre fractais, fixemos unha aproximación a eles cortando e dobrando papel e cartolina.

Un fractal é unha figura que pode ser espacial ou plana, formada por compoñentes ininitos. A súa principal característica é que a súa apariencia e a maneira en que se distribúe non varía aínda cando se observe a diferentes escalas. Así, estas construcións en 3D fórmanse coas primeiras catro iteracións dun proceso que, repetido indefinidamente, daría lugar a unha estrutura tridimensional fractal.

Ademais, tamén os decoramos con símbolos matemáticos.

luns, 4 de novembro de 2024